Friday 26 de April de 2024

Abre o novo parque infantil cuberto


 

Situado no Campo da Feira, o proxecto superou os 190.000 € de orzamento
A rapazada de Ordes xa dispón dunha nova zona de xogo. Dende esta fin de semana xa está aberto ao público o parque infantil situado no Campo da Feira, obra cuxo orzamento de licitación ascendeu a máis de 190.000 euros.
A zona infantil dispón dunha ampla cuberta de aceiro e de placas translúcidas, quedando así habilitada dun amplo espazo onde poder resgardarse das inclemencias meteorolóxicas. Trátase dunha demanda veciñal que se viña dando dende hai moito tempo e que deste xeito queda solucionada. Algo realmente necesario se se ten en conta a gran cantidade de días que en Ordes se rexistran precipitacións.
O novo parque conta no seu conxunto cun valado de malla metálica electrosoldada e con pregas de reforzo que, ademais de permitir o seu peche pola noite, suporá unha maior seguridade para a rapazada que faga uso da instalación. Tamén en prol da seguridade colocouse un pavimento de caucho reciclado para absorber os impactos e evitar lesións.
Ademais, está situado a carón da pista multideporte, a cal leva aberta ao público dende hai aproximadamente un ano e na que se poden practicar deportes como fútbol, baloncesto, voleibol ou bádminton. Con todo isto o Campo da Feira pasa a converterse nun dos espazos de ocio familiar máis destacados e importantes da vila, tendo en conta, ademais, a proximidade co paseo fluvial Ramiro Recouso Liste.